Dentro da base

1 0 0
                                    

Quedei inconsciente logo daquilo e espertei aquí, atada de pes e mans sobre unha dura e fría cama de ferro, nunha especie de cela. Incluso a tenue luz verdosa da habitación danaba os meus ollos. Alí dentro cheiraba a podre! Virei o pescozo todo o posible dun lado a outro para inspeccionar aquel habitáculo: á dereita, parede; á esquerda, a imaxe máis terrorífica e repulsiva que houbese visto. Aí había unha cama igual á miña sobre a que repousaban pezas de carne que presumían ser humanas. Non me daba noxo, nin terror, creo que despois deste día estaba curada de espanto. Pero si que me entrou o medo, medo a acabar igual, ese medo irracional e primitivo que senten os seres vivos á morte. Pero non podía facer nada. Estaba desorientada e inmobilizada, só me quedaba esperar obediente polo meu fatídico destino.

Ese destino entrou por unha porta automática en forma de home, un home enorme e corpulento que se me facía familiar, con barba de tres días, unha longa melena escura que lle chegaba ata os hombros —non sabería precisar a cor pola baixa luminosidade— e unha banda negra atada á fronte. O home entrou sen sequera mirar para min e remexeu algúns obxectos na parte de atrás da cela que eu non alcanzaba a ver, mais o son metálico que facía aí atrás non traía ningún bo augurio. Cando acabou de facer o que quixera que estivese facendo, púxose ao meu lado esquerdo amosando un enorme coitelo ensanguentado. Nese instante decatouse da miña presencia e díxome, con aires de psicópata:

—Espertaches, princesa? Vaia, que se lle vai facer... Dentro de pouco, volverás durmir...

—Que pretendes facer comigo? —pregunteille, sacando peito.

—O mesmo que aquí ao teu compañeiro —respondeume, virando a súa mirada cara o saco de carne da miña esquerda— Como era que se chamaba? Len, Ken,... Ah, xa sei, Kevin!

Ao oír ese nome, tremín de terror. Terror, ira, impotencia, frustración... Ao virar de novo a cabeza cara aquela irrecoñecible masa de carne, vísceras e sangue, puiden divisar unha cabeza decapitada que miraba cara min cuns ollos azuis baleiros. Era el, o verdadeiro el. Comecei a chorar e a berrar de ira. Kevin era un mozo fermoso, moi amigable e cunha personalidade bondadosa. Nunca lle faría dano nin á máis minúscula criatura. El non se merecía isto!

—Es un fillo de puta! —berreille entre bágoas.

El só se puxo a afiar o seu coitelo ensanguentado, ignorándome. Entón, o asasino púxose enriba de min. Todo el cheiraba a podre, dábame náuseas. Lentamente, achegouse á miña cara e colocou o coitelo sobre o meu pescozo.

—¿Queres que sexa lento ou rápido?

Comecei a retorcerme, desesperada, pero só conseguín achegarme máis ao filo do machete, facéndome sangue que me escorría polo pescozo abaixo.

Quería matalo, non sabía como, pero quería ver morto a ese fillo de puta asasino. Nunca antes sentira tanto odio cara alguén. Non son vingativa, e tampouco o chamaría vinganza. Era máis ben ira irracional, coma quen rompe pratos cando se enfada. Eu quería romperlle a testa contra a parede, rebentarlle o cráneo como fixeran con Jasmine. Pero sen pistola, amodo, quería velo sufrir. Quería matar a toda a súa familia, desexaba que sentise a mesma dor que sinto eu agora. Mais a miña rabia non servía de nada, estaba perdida. Mentres aquel descoñecido desfrutaba da miña impotencia, eu quedei inmóbil, agardando polo meu fin. Morrería, pero polo menos, estaría con Kevin de novo.

Daquela, como supoño que xa non lle facía graza que deixase de berrar, levantou o coitelo no aire disposto a rebanarme a cabeza. De súpeto, o home tirou a arma ao chan. Eu mirei para el, sorprendida, e vin que tiña un par de brazos descoñecidos ao redor do seu pescozo, deixándoo sen respiración. Aquela persoa empuxouno lonxe de min. O home intentaba loitar, pero xa era demasiado tarde. A súa cara volvíase vermella e as convulsións eran cada vez máis débiles. Nun intre, quedou inconsciente, mais o seu estrangulador non o soltou. Non o quería durmido, queríao morto, así que xirou o seu pescozo de forma brusca, rompendoo e deixando o corpo sen vida no chan. Por un lado, estaba aterrorizada por aquela escena, e por outro, aliviada de seguiren con vida. E o meu lado máis macabro sentía ata satisfacción por ver o cadáver dese fillo de puta aos meus pes. Descoñecía esta faceta de min ata fai ben pouco...

Memorias de BárbaraWhere stories live. Discover now