IV

101 15 2
                                    

Saín da casa envolta naquela vella chaqueta que a avoa me regalara facía moitos anos. Estaba chea de remendos de distintas cores, eran tantos que xa resultaba difícil saber cal era a auténtica cor da chaqueta. Era moi cedo, había xeada e néboa. O frío calaba os meus ósos mentres que eu apretaba os dentes obrigándoos a permanecer quietos e xuntos. A néboa era tan densa que apenas se podía ver máis aló de cinco metros. As miñas pisadas quedaban firmemente grabadas na herba a causa da xeada. A pesar de todo isto, seguín camiñando, non sabía por que o facía, e porén, alí estaba eu, avanzando a cegas cara aquela mistura homoxénea de néboa e oscuridade. Os meus dentes comezaron unha fiera batalla na que non había cabidade para outro contrincante. O son do castañear dos meus dentes xogaba cos sons do monte, as árbores cantaban ao seren tocadas polo vento e un pequeno moucho non cesaba de ulular. O frío seguía facendo acto de presenza. As miñas pernas continuaban o seu ritmo incansable ignorando a todas as suxerencias que lle propoñía.

Todo se mantiña nunha calma moi tensa, o meu corpo estaba invadido por unha gran intranquilidade. A tempertura descendeu considerablemente en poucos segundos. O meu alento debuxaba nubes brancas no aire que ascendían lentamente ata acabar desaparecendo nas alturas, como se nunca fixesen acto de presenza neste mundo. Os meus pasos comezaron a ser inseguros, agardaba a que sucedese algo, non sabía o que, pero a espera facíame sentir como unha presa a piques de ser cazada. A néboa pasou a ser máis densa, a vista resultaba inútil, non era capaz de distinguir tan sequera as formas das árbores que me rodeaban. Comecei a reducir a velocidade ata que lentamente quedei parada en medio da nada. Avanzar ou retroceder xa non estaban dentro das miñas opcións. As sombras oprimíanme ata que unha delas comezou a moverse. Escoitouse a herba ser pisada sen ningunha consideración. O medo provocou que me estremecese. Asustada comecei a correr chocando contra as árbores que non podía ver e mirando cara atrás. As miñas pernas pedíanme parar, pero iso non era posible, foi entón cando a néboa comezou a disiparse. Esperanzada aumentei a velocidade mentres que apreciaba que detrás miña as pisadas que non cesaban. E alí ao fondo vin unha saída. Sen mirar atrás avancei cara ela. Estaba a piques de alcanzala ata que tropecei coa raíz dunha árbore que sobresaía da terra. Para cando quixen levantarme, xa era demasiado tarde, a sombra arrastrábame cara o interior do monte.

Fariña negraWhere stories live. Discover now