V

88 12 0
                                    

A mañá era moi fría, toda roupa era pouca para parar o castañear dos meus dentes. Como un anaco de metal atraido por un imán, acabei unha vez máis na funesta praia. Era bastante pequena. A súa area era áspera, con miles de cunchas rotas que algunha vez contiveron unha vida. A néboa tapaba o horizonte do mar como un fino velo branco. Todo estaba manchado polo ser humano. Na auga flotaban sen rumbo todo tipo de plásticos que corrompían suavemente a area ao seren arrastrados polas ondas. Seguía facendo moito frío. Senteime abrazada aos meus xeonllos sobre os miles fragmentos de cunchas sen apartar a vista do mar, o cal se encontraba nunha calam que semellaba ser inquebrantable. As maneciñas do reloxo avanzaron sen que eu me percatase de nada, ata que apareceu unha gaivota que me sacou do meu trance. Voaba sobre o mar ata o intre no que se pousou suavemente sobre as súas augas. Flotando na auga afundiu o seu pico para tomar un grolo. Tras isto alzou unha vez máis o voo cara néboa, sen decatarse da miña presenza. Sentín tanta envexa nese instante, que me vexo incapaz de expresala. O Sol saiu timidamente desdebuxando o velo que cubría o mar. Unha vez máis, o tempo avanzaba inquebrantable e axeno a todo, mentres que o sol borraba todo vestixo de néboa que unha vez houbo sobre o mar.

Fariña negraWhere stories live. Discover now